A curuxa común ou curuxa albar (Tyto alba) é unha ave de rapina nocturna da familia Tytonidae.
Son aves de patas longas, cores claras, cola curta e ás longas. O corpo mide entre 33 e 35 cm de lonxitude e a envergadura das ás chega ós 85 cm. O aspecto de machos e femias é moi semellante, aínda que estas últimas son, en xeral, algo meirandes e de plumaxe máis escura. O peso vai desde os 200 gramos das razas máis pequenas, como a das illas Galápagos, até os 500 da curuxa norteamericana. O das variedades europeas varía entre os 300 gramos dos machos máis pequenos e os 400 das femias meirandes.
A cara característica da especie ten forma de corazón e cores moi claras, que van, dependendo das subespecies, do branco ó gris claro ou lixeiramente avermellado. A parte superior do corpo e case toda castaña dourada con manchiñas finas grises. A plumaxe da parte inferior varía entre o branco puro e o castaño claro, con debuxos e manchas diferentes en cada raza. O bico é amarelo mate e as gadoupas da cor do corno. A cor do iris ocular varía entre o castaño escuro e o negro.
Viven nas áreas de clima temperado, subtropical e tropical de África, Europa, suroeste e sur de Asia, Australia, Suramérica e Norteamérica. É unha das aves de distribución máis ampla, faltando só en boa parte de Asia, Nova Zelandia e o Sahara. No continente europeo chegan polo norte ata Escocia e Dinamarca e polo leste ata Ucraína. O seu límite norte son os territorios cunha temperatura media invernal de entre 6 e 8 graos.
O estaren tan espalladas fai que estean presentes en paisaxes moi variadas, excluíndo a selva tropical pecha, as partes interiores dos desertos e areas montañosas. Con todo, prefiren paisaxes semiabertas como as sabanas, semidesertos e estepas arboradas. En moitas partes de Europa son aves típicas do agro cultivado preto de pequenos asentamentos humanos. Nestas areas escollen para facer os niños torres e espadanas de igrexas, palleiras e cabazos, menos comunmente árbores. As ás longas e o voo deslizante son adaptacións á caza en campo aberto. Para descansar escollen sitios agachados en ruínas, palleiras, furados das árbores ou fendas nas penas ou acantilados. Son moi fieis ó seu territorio e permanecen nel mesmo en invernos moi fríos o que provoca, xunto coa falta de alimentos que se produce nesas situacións, a morte de moitos exemplares e fortes baixas das poboacións en anos de frío extremo.
Cazan, ó lusco fusco e pola noite, sobre todo mamíferos pequenos. En épocas de escaseza de presas ou cando están criando os polos poden cazar polo día. En 47 dos 52 estudos feitos en diferentes localizacións xeográficas amosábase que os roedores constituían polo menos o 50% das súas presas. Mesmo en Australia central os ratos, introducidos involuntariamente polos europeos, constitúen o 97% das capturas totais. Ratas, coellos pequenos, morcegos, paxaros, réptiles, ras e insectos poden xogar local ou rexionalmente un papel importante na súa subsistencia. Localizan as presas polo oído e pola vista. A forma da cara mellora a capacidade de recoller sons do oído e elimina outros ruídos molestos para a localización da presa.
Comparada con outras rapaces nocturnas de tamaño semellante, a curuxa común ten un metabolismo moito máis rápido, o que fai que precisen máis comida con relación ó seu peso ca outras especies. O consumo de roedores en relación co seu peso é, se cadra, meirande có de calquera outro carnívoro.
Durante a caza desprázanse adoito en voo deslizante a poucos metros do chan, sen facer practicamente ruído. Adoitan seguir rutas de voo regulares, situadas especialmente ó longo de sebes, gabias e valados, onde atopan máis caza ca en campo aberto. Cando descobren unha posible presa déixanse caer de socato e tentan atrapala coas unllas. É menos común que cacen espreitando, para deixárense caer dende o lugar onde están pousadas cando localizan unha posible presa.
Pasan o día pousadas e toqueando nun lugar de repouso, en xeral agachado e onde non poidan ser molestadas. Os lugares escollidos deben ofrecer tamén escuridade e protección contra o mal tempo. Dependendo do hábitat no que viven poden ser unha árbore oca, unha palleira, unha fenda nas rochas ou un terraplén protexido. Permanecen dereitas nunha trabe, nunha póla forte ou na parte plana da pedra, a miúdo escollendo aquelas que lles ofrezan a posibilidade de deitarse ocasionalmente. Durante o tempo de cortexo e reprodución descansan polo día preto do lugar do niño, permanecendo case sempre a parella moi xunta. Cando a femia xa puxo os ovos, o macho procura un lugar de repouso máis afastado do niño.
Antes de comeza-la actividade no crepúsculo, estrícanse e sacódense. Despois limpan as plumas coa axuda do dedo medio dos pés, que ten unha forma axeitada para este traballo, e co bico. Durante esta operación untan a plumaxe coa secreción producida por unha glándula situada cabo do peteiro. Na época de cortexo os membros da parella coidan un ó outro as plumas. O coidado corporal é completado con baños de auga ou duchas de choiva regulares, que poden tomar en ocasións xa coa luz da mañá.
As curuxas adultas son solitarias, agás no tempo da reprodución. A súa conduta territorial non é, porén, moi marcada, polo que moitas veces varias aves ou parellas poden vivir a distancias relativamente pequenas. Durante o inverno os machos mesmo chegan a tolerar a presenza doutros conxéneres nos seus lugares de descanso. Noutros casos, especialmente durante a cría, a conduta defensiva fronte a intrusos da propia especie aumenta, con persecucións e mesmo agresións físicas. Malia isto, os territorios de caza das parellas que están a criar solápanse moi adoito.
Mentres as femias chocan, os machos buscan moitas veces unha nova parella coa que reproducirse (polixinia). Isto provoca que en ocasións dúas ou máis femias incuben a un tempo nun só niño ou en máis dun dentro do territorio do macho. O aparellamento dunha femia con varios machos (poliandria) é menos habitual. A táctica fronte ós inimigos consiste en evitalos. As curuxas adoitan seren malas de localizar cando están pousadas e ben agachadas ó que axudan a plumaxe mimética e a capacidade de estaren sen se mover. Cando son molestadas agáchanse ou apértanse ben contra a estrutura do seu punto de repouso. En casos extremos foxen zarriscando o inimigo cos seus excrementos. Os exemplares que non poden fuxir adoptan posturas de ameaza abrindo as ás e proxectando o corpo cara adiante. A isto xuntan berros e simulacros de ataque. Os polos que aínda non voan e os exemplares acurralados deféndense con golpes das gadoupas, máis que co bico.
Polo de agora foron descritas ó redor de 30 subespecies de curuxas comúns que se diferencian pola cor e o comportamento. Os números varían segundo os estudosos. Así Schneider e Eck (1995) citan 34, Mebs e Scherzinger supoñen que hai máis de 30.
A lista a seguir baséase na clasificación de Schneider e Eck (1995):
O celo depende da oferta alimenticia. O cortexo e a marca dun territorio reprodutor teñen lugar entre febreiro e abril.
Os niños en localizacións naturais non son habituais en moitas partes de Europa, onde as curuxas crían en edificios, graneiros ou ruínas. Poñen, separados por uns dous día de distancia, entre tres e doce ovos. Chocan as femias soas durante uns 30 días. A incubación comeza cando poñen o primeiro ovo, o que provoca que os polos saian do ovo con días de separación. Ata que os polos teñen unhas tres semanas o macho ocúpase en solitario de traer comida ó niño. Os polos poden comezar a voar ós dous meses, cambiando a penuxe directamente nas plumas propias do adulto.
A dependencia que a reprodución ten da abundancia de alimento fai que nalgunhas rexións poidan pasar anos con taxas de reprodución baixas, pero tamén que na mesma estación unha femia faga ata tres niñadas.
As curuxas novas comezan a aprende-las técnicas de caza cando teñen un mes. Durante as horas de actividade camiñan polos arredores do niño, se este ten espazo dabondo, e ensaian o salto de caza. En lugares de cría xeitosos, coma as torres das igrexas, poden pasar horas investigando os arredores do niño.
No outono as curuxas novas afástanse do niño. Os estudos feitos con aves aneladas e posteriormente recuperadas, amosan que uns dous terzos de tódolos desprazamentos se fan nun radio duns 50 km do niño, aínda que poden viaxar sensiblemente máis lonxe. Aves ás que lles foi posto o anel en Baden-Württemberg (Alemaña) foron detectadas no primeiro ano de vida na costa dos Países Baixos, en Francia e en España. A coincidencia entre poboacións altas de curuxa e a caída do número de ratos provoca que os xoves recorran distancias máis longas.
Se a curuxa puido aproveitar as actividades agrícolas do home para se espallar por moitas zonas de Europa, os cambios nos cultivos, singularmente a agricultura intensiva, están a provocar a redución constante do seu número, por exemplo, en Centroeuropa. Estes métodos inciden tamén nas poboacións de ratos de campo, o que priva as curuxas de alimento.
A urbanización de moitas áreas periurbanas e os accidentes provocados polos vehículos son causa tamén da diminución das súas poboacións. Outro factor na súa contra é a perda de sitios axeitados para facer os niños. En España é unha especie protexida.
Segundo a IUCN o número de exemplares a escala mundial calcúlase en 4,9 millóns, polo que a especie é catalogada coma "non ameazada".
Coma outras aves de rapina nocturnas, pero especialmente no seu caso por ser unha seguidora da agricultura a curuxa está asociada con moitas supersticións. En moitas rexións o seu berro considérase desavegoso e anuncio dunha morte próxima.
Hai bestas e paxaros de antigo carácter augural que en Galiza, como en case todas partes, anuncian a morte. [...] a curuxa que canta preto da casa, ou que vén pousar no telladoV. Risco: "Etnografía: cultura espiritual", en Historia de Galiza. Ed. Nós, Bos Aires 1962, I, 416.
Cravábanse curuxas enriba das portas para protexer as casas do lóstrego e as desgrazas. Pola contra, noutras zonas o seu papel coma cazadora de ratos fixo que se lle facilitaran furados axeitados en edificios para que puideran criar.
A curuxa común ou curuxa albar (Tyto alba) é unha ave de rapina nocturna da familia Tytonidae.