dcsimg

Pato rabeiro ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician
Non confundir con pato rabilongo.

O pato rabeiro[2] ou parrulo rabudo[3] (Clangula hyemalis) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae propia das rexións frías de Eurasia e Norteamérica, que en Galicia aparece como invernante esporádico. Pertenece á subfamilia dos patos mariños. É a única especie viva do xénero Clangula. É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias africano-eurasiático, AEWA.

Descrición

 src=
Macho e femia en primavera.
 src=
Macho con plumaxe de outono.

Os adultos miden entre 41 e 60 cm de lonxitude, cunha envergadura alar de 72 a 80 cm, e un peso entre 450 e 1030 g. A plumaxe dos adultos varía bastante ao longo do ano, a causa dun complexo proceso de muda, mantendo constante unicamente o branco das partes inferiores do corpo.

O macho ten unha cola longa, estreita e en punta, de 10 a 15 cm de lonxitude e un bico gris anegrado cruzado por unha banda rosa. En inverno, ten un padrón de plumaxe branco e negro, pero é branco na súa maioría con excepción das ás, dorso, cola e unha gran mancha arredondada da meixela. En verán a cabeza e pescozo vólvenselle negros, mantendo o branco só na face; e as súas partes superiores fanse de tons pardos escuros. En outono poden observarse cun padrón intermedio cunha mancha branca na parte posterior do píleo. A femia ten plumaxe de tons pardos nas partes superiores e a cola relativamente curta e en punta. En inverno gran parte da cabeza e pescozo son brancos, agás a meixela e o píleo, que son de cor parda escura. En verán a cabeza vólvese parda case na súa totalidade. En outono mantén os laterais da cabeza e pescozo brancos e a súa meixela faise máis clara. Os xuvenís de ambos os sexos teñen unha plumaxe similar ás femias en verán.

Taxonomía e etimoloxía

A especie describiuna cientificamente Carl von Linné en 1758 na décima edición da súa obra Systema naturae, co nome de Anas hyemalis.[4] Posteriormente, foi trasladada a un xénero propio, Clangula, creado por William Elford Leach en 1819.[5] Non se reconocen subespecies diferenciadas.[6]

A etimoloxía do nome do seu xénero procede do verbo latino clangere, 'resoar' ao que se lle engade a partícula diminutiva ula, orixinando este término neolatino, clangula, que fai referencia á súa voz.[7] O seu nome específico é unha forma alternativa de escribir a palabra hiemālis, que en latín significa 'invernal'.[8]

Coñécese unha especie fósil deste xénero do Mioceno medio (de hai 12 ou 13 millóns de anos), encontrada en Hungría.[9]

Distribucíón e hábitat

 src=
Macho con plumaxe de inverno en voo.
 src=
Femia chocando os ovos no niño.
 src=
Ovos de Clangula hyemalis no Museo de Historia Natural de Toulouse - MHNT

O seu hábitat de cría son os pantanos e pozas da tundra, mais tamén toda a costa ártica e os lagos grandes de montaña, estendéndose desde Alasca, ao longo do norte do Canadá, e norte de Europa ata Siberia.

É unha ave migratoria que pasa o inverno nas costas nororientais e noroccidentais de Norteamérica, a rexión dos Grandes Lagos, as costas de Groenlandia e do norte de Europa e Asia, incluídas algunhas illas árticas como as Svalbard ou Nova Zembla. A área de invernada máis importante é o mar Báltico, onde chegan a concentrarse preto de 4,5 millóns destes patos. Tamén pasan o inverno arredor das illas Británicas, os Alpes e algúns chegan mesmo ata o mar Negro e en menor cantidade ao Mediterráneo. En Galicia é un invernante esporádico.[3]

Comportamento

 src=
Femia con crías en Islandia.

É unha ave gregaria que forma grandes bandadas en inverno e durante a migración. Voa rapidamente e durante a súa migración puede alcanzar ata os 100 km/h.

Fai o seu niño en terra preto da auga, ao abeiro da vexetación e constrúeo usando herba e talos, e forrado interiormente con follas e penuxe da femia.

Alimentación

Aliméntase mergullándose en busca de moluscos, crustáceos e algúns pequenos peixes, xeralmente en zonas próximas á superficie ou a profunddades entre os 10 e 15 m, aínda que pode chegar a profundidades de ata 60 m.

Notas

  1. BirdLife International (2012). "Clangula hyemalis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 23 de febrero de 2015.
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Caroli Linnæi. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.) p. 126.
  5. Peterson, A. P. Zoonomen. Zoological Nomenclature Resource - Anseriformes
  6. Frank Gill y David Donsker. Screamers, ducks, geese & swans. IOC World Bird List versión 5.1.
  7. Janet Kear (2005), Ducks, Geese and Swans: Species accounts (Cairina to Mergus). Oxford University Press, volumen 2, p. 723 ISBN 0198610092
  8. Hiemālis en An Elementary Latin Dictionary de Charlton T. Lewis.
  9. Gál, Erika; Hír, János; Kessler, Eugén y Kókay, József (1998-99): Középsõ-miocén õsmaradványok, a Mátraszõlõs, Rákóczi-kápolna alatti útbevágásból. I. A Mátraszõlõs 1. lelõhely [Middle Miocene fossils from the sections at the Rákóczi chapel at Mátraszolos. Locality Mátraszõlõs I.]. Folia Histórico Naturalia Musei Matraensis 23: 33-78. [en húngaro con resumo en inglés] Texto completo en PDF Arquivado 21 de xullo de 2011 en Wayback Machine.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Lars Svensson and Peter J. Grant. Collins Bird Guide. Londres: HarperCollins, 1999. p. 64.
  • Chris Kightley and Steve Madge. Pocket Guide to the Birds of Britain and North-West Europe. Nr. Robertsbridge: Pica Press, 1998. p. 48.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Pato rabeiro: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician
Non confundir con pato rabilongo.

O pato rabeiro ou parrulo rabudo (Clangula hyemalis) é unha especie de ave anseriforme da familia Anatidae propia das rexións frías de Eurasia e Norteamérica, que en Galicia aparece como invernante esporádico. Pertenece á subfamilia dos patos mariños. É a única especie viva do xénero Clangula. É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias africano-eurasiático, AEWA.

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician