A tenca[2] (Tinca tinca) é unha especie de peixe de auga doce e salobre da familia dos ciprínidos, que se encontra en Eurasia desde Europa Occidental incluíndo as Illas Británicas ao leste de Asia ata os ríos Obi e Ienisei.[3] O seu interese en pesca deportiva provocou a súa introdución en cursos de auga de Chile, Australia, Nova Zelandia, África, Norteamérica, sueste asiático e recentemente en Brasil.[4] Normalmente habita hábitats de augas doces de augas lentas, especialmente lagos e ríos de terrras baixas.[5]
A tenca atópase con más frecuencia en augas con substrato de arxila ou lama e abundante vexetación.[6] Esta especie é rara en augas claras con substrato rochoso, e está ausente nas correntes rápidas. Tolera augas con baixa concentración de oxíxeno,[3] e atópase en augas onde nin sequera a carpa pode sobrevivir.[6]
As tencas aliméntanse principalmente de noite e comen preferentemente animais invertebrados como dípteros quironómidos, nos leitos de augas eutróficas[7] e caracois e ameixas Pisidium en augas con moita vexetación.[6][8]
É un peixe de augas temperadas que se reproduce a temperaturas superiores aos 18 °C. A posta de ovos pode chegar a alcanzar un peso superior ao 10% do peso da femia. A reprodución ten lugar en augas pouco fondas xeralmente entre plantas acuáticas, onde poden depositar os seus pegañosos ovos verdes, de 1 mm de diámetro.[3] Os ovos permanecen pegados ás plantas ata a súa eclosión, que pode durar de 3 a 5 días, segundo a temperatura. A desova ten lugar normalmente en verán,[5] e poden producir ata 300.000 ovos, normalmente menos.[9] O crecemento é rápido, e os peixes poden alcanzar un peso de 0,11 kg no primeiro ano.
As tencas teñen unha forma robusta parecida á da carpa e a pel é de cor verde oliva, máis escura por ariba e case dourada por debaixo. A aleta caudal é de forma bastante cadrada. As outras aletas son arredondadas.[6] A boca é terminal e máis ben estreita e ten en cada extremo pequenas barbas. O tamaño máximo do animal é de 70 cm, aínda que a maioría dos espécimes son moito menores.[10] Os dentes farínxeos son uniseriais. Os ollos son pequenos e de cor de laranxa a vermello.[11] O dimorfismo sexual é escaso, limitado a que as femias adultas teñen un perfil ventral máis convexo comparado co dos machos.[10] Os machos son normalmente menores que as femias, e poden recoñecerse por teren as aletas inferiores máis curvadas e uns múscuculos ben distinguibles arredor da base das aletas, que están xeralmente ausentes nas femias.
A tenca ten moi poucas escamas, que están profundamente inseridas na grosa pel, facendo que sexa tan escorregadiza como unha anguía.[9] As escamas son de pequeno tamaño; posúen máis de 80 delas na liña lateral.[12] As aletas carecen de raios espiñosos. A textura do tegumento é bastante mucosa.
Unha variedade de tenca criada artificialmente é a chamada tenca dourada, que é popular como peixe ornamental para estanques. Esta forma varía en cor desde o dourado claro ao verde escuro, e algúns peixes teñen manchas negras ou vermellas nos flancos e aletas.[9]
As tencas son comestibles, e funcionan moi ben nas receitas para cociñar carpas.[6] Son pescadas con cana e usadas como penso para especies predadoras como os centrárquidos.[3] As tencas, especialmente a tenca dourada, so tamén peixes ornamentais en estanques e menos frecuentemente en acuarios.[13]
Posúe grande interese en acuicultura: segundo a Organización de Produtores Piscicultores (OPP) a produción europea no ano 2000 alcanzou case 1.500 toneladas, correspondendo a Francia 700 ton (70,4%), seguida por España con 160 ton (16,1%), 116 ton en Alemaña (12,0%), e Bélxica con apenas 15 Tm (1,5%).[4]
A tenca (Tinca tinca) é unha especie de peixe de auga doce e salobre da familia dos ciprínidos, que se encontra en Eurasia desde Europa Occidental incluíndo as Illas Británicas ao leste de Asia ata os ríos Obi e Ienisei. O seu interese en pesca deportiva provocou a súa introdución en cursos de auga de Chile, Australia, Nova Zelandia, África, Norteamérica, sueste asiático e recentemente en Brasil. Normalmente habita hábitats de augas doces de augas lentas, especialmente lagos e ríos de terrras baixas.