O voitre leonado[2] (Gyps fulvus) é unha ave pertencente á subfamilia dos voitres (Aegypiinae).
Os voitres comúns son aves de gran tamaño: miden entre 95 e 105 cm. de lonxitude, teñen unha envergadura de alas de entre 2,4 e 2,8 m. e os exemplares adultos pesan entre 4 e 6 kg. Teñen a cabeza pequena, alas moi grandes, as veces de aspecto triangular e unha cola curta de aspecto truncado. As alas máis anchas e acola máis curta permiten distinguilo do quebraosos cando está voando. Os exemplares novos son máis escuros cós adultos, que teñen a cabeza e o pescozo cubertos dunha penuxa branca, un colar de plumas brancas na base do pescozo, o lombo a parte anterior das alas e o ventre da cor do ante e o resto do corpo pardo escuro, O bico dos adultos é pardo por riba, coas beiras amarelas. As patas, menos fortes que noutras aves de rapina, son agrisadas.
Distínguense dúas subespecies de voitres comúns:
O voitre leonado está presente en Marrocos, Alxeria, España (8.100 parellas), Sardeña, na costa do mar Adriático, na península dos Balcáns, ata Grecia (unhas 450 parellas), Turquía, pasando pola costa leste do Mediterráneo e por Arabia, o Iraq, Irán ata a India e Asia central. Exemplares illados poden aparecer nalgunhas zonas de Austria, onde hai unha colonia semisalvaxe no Hellbrunner Berg. Como resultado de reintroducións hai outra colonia dunhas 220 parellas no Macizo central francés. En Suíza contáronse recentemente uns 54 exemplares. Tamén medraron os casos de observacións destas aves en Alemaña onde estaban extinguidas. Este aumento brusco da presenza de voitres comúns na Europa central atribúese a falta de alimentos en España e Francia, causada polas normativas de Unión Europea, que prohiben deixar cadáveres de animais domésticos abandonados no campo.[3] En xuño de 2007 foi detectada tamén a presenza destas aves en Bélxica (~100 casos) [4]
Algúns miles de voitres comúns, sobre todo exemplares novos, pasan o inverno en África, á que chegan despois de cruzar o estreito de Xibraltar e o Bósforo, estes exemplares chegan ata ó Senegal, Malí e Níxer, et amén ata Sudán e Etiopía.
Os voitres comúns son aves planadoras, que se levantan sobre correntes de aire ascendente e pasan horas voando ente os 1.800 e os 3.500 metros (en días de condicións excepcionais poden chegar ata os 6000) percorrendo distancias que van entre os 50 e os 300 quilómetros. Son aves de vida colonial, que adoitan moverse en bandos e son moi fieis ó seu lugar de orixe.
Viven ata 30 ou 40 anos e non acadan a madureza sexual ata que teñen entre 5 e 7. A súa época de cría vai de xaneiro a marzo, e a posta dos ovos ten lugar habitualmente entre mediados de xaneiro e comezos de febreiro. A incubación do único ovo de cada parella lévalles entre 52 e 58 días e o polo permanece no niño de 110 a 120. Os pais róldanse tanto para chocar o ovo como para alimentar á cría. Os polos son moi sensibles á falta de alimento e poden morrer de inanición se non reciben comida dabondo. Comezan a voar máis ou menos en xullo, pero fican preto do niño unha tempada ata que se independizan completamente.
A súa dieta componse case exclusivamente de calaza, malia que nos últimos anos a falta de alimentos nalgunhas zonas, como na Península Ibérica, parece que os ten levado a atacaren en ocasións presas vivas.
O voitre leonado (Gyps fulvus) é unha ave pertencente á subfamilia dos voitres (Aegypiinae).