dcsimg

Pardal común ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O pardal, pardal común, pardal doméstico, pardao ou gorrión,[3] Passer domesticus (Linnaeus, 1758), é un paxaro da orde dos paseriformes (Passeriformes) e familia dos paséridos (Passeridae).

Localización

Está adaptado ao hábitat urbano e moi acostumado a vivir cerca do ser humano. Distribúese por todo o globo, aínda que é orixinario de Eurasia e do norte de África.

Foi introducido polo ser humano no resto de continentes, a excepción da Antártida.

Cen exemplares procedentes de Inglaterra foron soltados en Brooklyn, Nova York, como control de pragas. Esta medida foi seguida noutras cidades dos Estados Unidos, onde é coñecido coloquialmente como pardal inglés (English sparrow) para distinguilo dos pardais americanos nativos.

Pode chegar a vivir 13 anos en catividade, se ben en liberdade non adoita chegar aos 7.

Descrición

Pesa arredor de 30 g e mide de 14 a 16 cm, sendo os machos normalmente algo maiores que as femias. O pardal común ou doméstico é de conformación robusta e patas curtas. O seu peteiro é groso, forte e cónico.

A plumaxe do lombo é parda, con manchas negras e vermellas.

Os machos posúen unha mancha negra en forma de gravata que cobre parte do peito e da gorxa. A fronte, coroa e caluga son grises. As femias posúen unhas cores máis apagadas: a súa cabeza é parda e as cellas claras, e non posúen o negro na gorxa dos machos.

A cría é similar na plumaxe á femia.

Reprodución

Forman parellas monógamas en cada estación de reprodución. Constrúen os niños en primavera, con follas secas, plumas e anacos de papel. Aniñan nas fendas dos edificios, debaixo das tellas ou en troncos de coníferas. Poñen os ovos en calquera momento da primavera, podendo haber ata 4 niñadas, e en cada unha 4 ou 5 ovos.

Unha vez que todos son depositados, tanto o macho como a femia se encargan de incubalos, turnándose cada poucos minutos. Aos 10 días os poliños rompen a casca do ovo, e aos 14 xa teñen plumas.

Poden chegar a ser moi agresivos con outras especies, ocupando ou tapando niños con poliños acabados de nacer.

Comportamento

Paxariño gorrión,
non me coma-las cereixas
que vai o meu amo fóra
e hácheme da-las queixas.

—Popular[4]

Adoitan baixar a terra buscar comida, camiñando a saltos, como é propio dos paseriformes, a diferenza das pombas que o fan dando pasos. Aliméntanse de sementes e insectos, aínda que tamén aproveitan os desperdicios do home. En primavera tamén pode comer bolboretas e flores: Crocus, Aconitum e a flor de primavera (Primula vulgaris) parecen atraer aos pardais.

Protexen con agresividade a área arredor do niño, tanto doutras especies como de membros da súa propia. Os machos atacan a outros machos e as femias fan o propio con outras femias.

En ambientes urbanos posúen maior confianza co home que en ambientes rurais. Encóntrase sempre preto de lugares habitados, xa sexan rúas, parques ou xardíns, como prados, hortas ou granxas.

É unha ave sedentaria.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician

Pardal común: Brief Summary ( Galician )

provided by wikipedia gl Galician

O pardal, pardal común, pardal doméstico, pardao ou gorrión, Passer domesticus (Linnaeus, 1758), é un paxaro da orde dos paseriformes (Passeriformes) e familia dos paséridos (Passeridae).

license
cc-by-sa-3.0
copyright
Autores e editores de Wikipedia
original
visit source
partner site
wikipedia gl Galician